Coa finalización dos últimos obradoiros e itinerarios de emprego na Fundación Barcala de Negreira, o Servizo de Inclusión e Transición al Empleo de ACADAR pechou o ciclo de actividades deste ano, unha iniciativa destinada a promover a igualdade de oportunidades na participación social e no acceso ao mercado laboral ao colectivo de mulleres con discapacidade.
Este programa foi posible grazas aos fondos procedentes da asignación do 0,7 % do IRPF, achegados polas persoas contribuíntes que marcaron a casilla da "X Solidaria" na súa declaración da renda. O proxecto foi cofinanciado pola Xunta de Galicia mediante estes fondos de asignación tributaria e xestionado por COGAMI como entidade coexecutora.
O servizo creouse para dar resposta aos desafíos que afrontan moitas mulleres con discapacidade á hora de conseguir e manter un emprego, partindo da premisa de que acadar a independencia económica é fundamental para levar unha vida plena e autónoma.
Ao longo do ano, o programa traballou con máis de 35 participantes para mellorar a súa inclusión social e laboral, así como para fomentar o pleno desenvolvemento das súas capacidades e a súa autonomía persoal. As actividades desenvolvéronse en Santiago, Lugo, Ourense, Negreira, O Carballiño e Silleda, ofrecendo un apoio personalizado e adaptado ás necesidades específicas de cada participante.
Os obradoiros centráronse en potenciar a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, na adquisición de competencias laborais transversais e no fomento do uso das novas tecnoloxías da comunicación como ferramentas para a busca activa de emprego.
Así mesmo, os obradoiros complementanse con itinerarios de emprego, nos que se abordan competencias persoais, profesionais e sociais das participantes, impulsando así a súa autonomía e mellorando as súas oportunidades de acceso e permanencia no mercado laboral.