Novas

  • Inicio
  • /
  • Novas
  • /
  • 2026
  • /
  • Manifesto 25N: Todas as violencias contan. Ningunha violencia é menor por non deixar marca.
25/11/2026 11:16:58
  • 2026

Cada 25 de novembro, Día Internacional da Elimicación da Violencia contra as mulleres, levantamos a voz para recordar que a violencia é unha vulneración de dereitos humanos, unha manifestación da desigualdade estrutural entre mulleres e homes e un mecanis

Dende ACADAR, COGAMI, e CEMUDIS, a Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade, denunciamos que as mulleres e nenas con discapacidade vivimos formas múltiples e agravadas pola discriminación interseccional que sufrimos. O machismo e o capacitismo non son sistemas de discriminación que actúen por separado, senon que se entrecruzan, se retroalimentan e multiplican a nosa exposición á violencia. A miúdo, súmanse a outros eixes de desigualdade, como a idade, a orixe, o medio rural, o tipo de discapacidade ou o grao de apoios que necesitamos, agravando aínda máis esta vulnerabilidade. Esta discriminación múltiple dificulta a detección da violencia, invisibiliza as nosas experiencias e crea barreiras específicas para acceder aos sistemas de protección, á xustiza e á reparación.

As mulleres con discapacidade temos voz propia e dereito a decidir sobre as nosas vidas, os nosos corpos, as nosas relacións, os nosos coidados e os nosos proxectos de futuro.

Porén, as nosas necesidades continúan a ser invisibilizadas tanto nas políticas de igualdade como nas de discapacidade. Demasiadas veces, a violencia que vivimos disfrázase de coidado, de protección, de convivencia familiar ou de necesidades derivadas da discapacidade. E demasiadas veces normalízase, xustifícase ou atribúese directamente a unha enfermidade ou á nosa propia discapacidade, sen deterse antes a investigar que está a acontecer realmente na nosa contorna.

Os datos confirman unha realidade ante a que non cabe a indiferencia. A Macroenquisa de Violencia contra as Mulleres de 2024 sinala que as mulleres con discapacidade presentan unha maior prevalencia de violencia física, sexual e psicolóxica ao longo da súa vida. O 16,4 % das mulleres con discapacidade que sufriron violencia por parte dunha parella consideran que a súa discapacidade é consecuencia directa desa violencia. Ademais, a prevalencia das violacións fóra da parella alcanza o 4,6 % entre as mulleres cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, fronte ao 3,1 % entre as mulleres sen discapacidade.

As mulleres e nenas con discapacidade vivimos violencia física, psicolóxica, sexual, económica, obstétrica, cultural, dixital e vicaria. Estas violencias poden aparecer de maneira illada ou combinarse e reforzarse entre si. Poden exercerse mediante accións directas, pero tamén a través da omisión, a neglixencia ou a negación de dereitos e apoios.

Cómpre facer un maior esforzo para evitar que se produzan situacións de violencia vicaria, así como a retirada, as ameazas de retirada ou a separación das fillas e fillos polo feito de ter unha discapacidade ou por ver limitados ou restrinxidos os apoios e coidados necesarios.

A violencia procede de máis ámbitos, non só da parella ou da exparella. No caso das mulleres con discapacidade, a violencia pode ser exercida por familiares, persoas coidadoras, asistentes persoais, profesionais, persoal de apoio ou outras persoas da nosa contorna. Pode producirse no fogar, en centros residenciais, sanitarios ou sociais, no traballo, en espazos educativos e asociativos, na vía pública e nos contornos dixitais.

No caso das mulleres con discapacidade, a dependencia de determinados apoios pode dificultar especialmente a detección, a denuncia e a saída das situacións de violencia cando quen agrede controla tamén os coidados, a mobilidade, os ingresos, a vivenda ou a asistencia persoal. Por iso, garantir a autonomía, a accesibilidade e os apoios adecuados é tamén unha medida de prevención e protección fronte á violencia.

A recente reforma das leis de discapacidade e dependencia incorpora por primeira vez de maneira expresa a protección das mulleres con discapacidade fronte ás múltiples violencias que viven, recoñecendo o seu dereito a recibir os apoios adecuados para garantir a súa seguridade, autonomía persoal e plena participación na sociedade. A reforma contempla, entre outras medidas, o acceso prioritario á asistencia persoal, a plena accesibilidade dos servizos de atención e a coordinación entre os sistemas de dependencia e de protección fronte á violencia.

Estes avances deben traducirse en apoios e recursos accesibles e efectivos que permitan ás mulleres con discapacidade tomar o control das súas vidas e saír das situacións de violencia. Ningunha muller debería verse obrigada a permanecer nunha situación de violencia porque depende de quen a exerce para cubrir as súas necesidades de coidados, apoio, mobilidade ou participación na comunidade.

Coidar non é controlar. Apoiar non é substituír a nosa vontade. Protexer non é illar.

A violencia por omisión tamén é violencia.

A estas circunstancias súmanse a precariedade económica, o illamento, a falta de redes de apoio, a fenda dixital e territorial e a ausencia de alternativas accesibles. Tamén persisten barreiras nos sistemas de prevención, denuncia, protección, atención e reparación que deixan fóra a moitas mulleres con discapacidade.

Non abonda con crear recursos se non podemos acceder a eles. Non é suficiente con recoñecer dereitos se non contamos cos apoios necesarios para exercelos. Non abonda con escoitar se se pon en dúbida o noso relato, se nos infantiliza ou se toman decisións sen contar connosco.

Por todo isto, CEMUDIS e as súas entidades confederadas reivindicamos:

  • Recoñecer todas as formas de violencia contra as mulleres e nenas con discapacidade, tanto as exercidas por acción como por omisión, dentro e fóra da parella.
  • Incorporar a perspectiva de xénero, discapacidade e interseccionalidade en todas as políticas, normas, orzamentos, protocolos e servizos contra as violencias machistas, incluído o desenvolvemento das leis de discapacidade e dependencia.
  • Garantir a accesibilidade universal dos recursos de prevención, denuncia, protección, acollida, atención, recuperación, xustiza e reparación.
  • Proporcionar axustes razoables e apoios individualizados, respectando sempre a nosa vontade, preferencias, intimidade e capacidade de decisión.
  • Garantir a formación especializada e continua en violencia contra as mulleres con discapacidade dos e das profesionais dos diferentes ámbitos: sanitario, social, educativo, xudicial e asistencial, así como das persoas que prestan servizos de coidado e apoio.
  • Desenvolver e garantir as medidas de accesibilidade e os apoios previstos na reforma da lexislación en materia de discapacidade e dependencia, evitando que a falta de recursos e apoios adecuados as aboque á institucionalización como única alternativa posible.
  • Protexer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos, garantindo información accesible e consentimento libre e informado.
  • Recoñecer e garantir o dereito á eliminación de contidos, imaxes e información difundidos sen consentimento como ferramenta prioritaria de protección fronte á violencia dixital e á violencia sexual dixital, asegurando mecanismos de solicitude, denuncia e respostas accesibles, rápidas e eficaces.
  • Recoller datos desagregados que permitan coñecer a dimensión real de todas estas violencias e avaliar as políticas públicas.
  • Dotar de recursos estables as organizacións de mulleres con discapacidade para desenvolver tarefas de prevención, detección, acompañamento e incidencia.
  • Garantir a nosa participación efectiva no deseño, aplicación e avaliación das políticas e dos recursos que afectan ás nosas vidas.
  • Previr e erradicar a violencia vicaria exercida contra as mulleres con discapacidade, así como as situacións de retirada, ameaza de retirada ou separación das súas fillas e fillos motivadas pola súa discapacidade ou pola limitación, restrición ou ausencia dos apoios e recursos necesarios para o exercicio da maternidade.
  • Garantir unha resposta institucional integral, coordinada e especializada fronte a todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres con discapacidade, así como promover un tratamento informativo responsable por parte dos medios de comunicación.
  • Desenvolver e garantir a aplicación efectiva da figura da persoa experta facilitadora procesual, recoñecida na recente reforma da lexislación en materia de discapacidade e dependencia (Lei 4/2026), asegurando a súa dispoñibilidade nos procedementos xudiciais, policiais e preprocesuais cando sexa necesaria.

Todas as violencias contan, todos os dereitos nos pertencen e toda a sociedade debe implicarse. Porque defender os dereitos humanos e promover o apoderamento das mulleres con discapacidade son claves para construír unha sociedade na que ningunha violencia teña cabida.