Novas

  • Inicio
  • /
  • Novas
  • /
  • 2026
  • /
  • ACADAR recibe unha mención honorífica nos Recoñecementos Meninas de Galicia polo seu compromiso coas nenas e mulleres con discapacidade
25/11/2026 11:40:52
  • 2026

A Delegación do Goberno en Galicia celebrou o pasado luns o acto de entrega dos Recoñecementos Meninas de Galicia, unha iniciativa que busca visibilizar, recoñecer e poñer en valor o compromiso de persoas e entidades na loita contra a violencia machista e na defensa dunha sociedade libre de violencias contra as mulleres.

Nesta edición, o xurado concedeunos unha mención honorífica polo nosa labor a nivel autonómico na defensa dos dereitos das nenas e mulleres con discapacidade, así como polo noso compromiso coa prevención e abordaxe das violencias machistas desde unha perspectiva interseccional e inclusiva.

Este recoñecemento supón un importante impulso para continuar traballando pola igualdade, a autonomía e o pleno exercicio dos dereitos das mulleres con discapacidade, un colectivo que continúa a enfrontarse a múltiples barreiras e a situacións de especial vulnerabilidade, discriminación e violencia.

Dende ACADAR queremos destacar a importancia de incorporar a perspectiva da discapacidade en todas as políticas e actuacións de prevención, detección e atención ás violencias machistas. É fundamental garantir que todas as mulleres, independentemente da súa situación ou condición, teñan acceso á información, aos recursos de protección e ao acompañamento necesario.

Porque non hai violencias menores, nin dereitos que poidan quedar atrás por razón de discapacidade.

Recibimos esta mención con agradecemento e, sobre todo, como un recoñecemento ao traballo colectivo, ao compromiso e á loita diaria de tantas mulleres que contribúen a construír unha sociedade máis xusta, igualitaria, accesible e libre de violencias.