Novas

18/08/2026 10:46:59
  • 2026

Dende ACADAR estamos a organizar para o mes de setembro en Santiago de Compostela unha nova edición dos seus obradoiros creativos para a promoción da saúde e da igualdade de xénero, dirixidos a mulleres con discapacidade residentes no concello de Santiago de Compostela.

A iniciativa desenvolverase durante catro xornadas —os días 10, 11, 14 e 15 de setembro— na sede de ACADAR, situada na R. de Dublín, 3, baixo, e ofrecerá un espazo para coidarse, aprender, compartir experiencias e fortalecer o benestar persoal.

Ao longo das sesións abordaranse diferentes cuestións relacionadas coa saúde, a autonomía e as relacións desde unha perspectiva de xénero:

🌸 Día 1: Autoestima e identidade

🌱 Día 2: Bo trato e recursos da comunidade

💜 Día 3: Relacións e afectos saudables

🧡 Día 4: Sexualidade saudable e pracer

Como actividade especial, a programación contará tamén cun Escape Room da Igualdade, unha proposta participativa e dinámica que convidará as participantes a “escapar dos estereotipos” a través de retos e xogos. A actividade permitirá reflexionar sobre os mitos e prexuízos relacionados coa igualdade, compartir aprendizaxes e descubrir que todas as persoas teñen os mesmos dereitos.

Con esta iniciativa, ACADAR busca crear un espazo seguro e inclusivo no que as mulleres con discapacidade poidan adquirir ferramentas para o seu benestar, coñecer recursos da comunidade e fomentar relacións baseadas no respecto, a igualdade e o bo trato.