A violencia de xénero ten múltiples formas de manifestarse e, co avance das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) así como a importancia que alcanzou Internet nos nosos días, sendo un contexto vital de socialización, coñecemento, traballo, etc., a violencia dixital e en especial a violencia sexual dixital, consolidouse como unha nova realidade á que lle facer fronte.
Sen dúbida, este tipo de violencia, supón unha limitación de liberdade para as persoas que a viven, afectando particularmente á adolescencia. Neste sentido, e segundo os datos extraídos do estudo “O ciberacoso como forma de exercer violencia de xénero na mocidade: un risco na sociedade da información e do coñecemento” realizado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero existe un aumento das condutas de violencia de xénero dixital nas persoas adolescentes. Ademais, é necesario ter en conta que, segundo datos do Parlamento Europeo, case o 80% das mulleres con discapacidade viven situacións de violencia e teñen un risco catro veces maior que o resto das mulleres de vivir violencia sexual.
Cando falamos de violencia dixital, é importante ter en conta que o sexismo presente nas novas tecnoloxías é moitas veces unha forma máis de violencia sexual. Así ben o sextorsion, o ciberacoso, o acceso ilegal a perfís, a explotación sexual en liña, o grooming ou mesmo o sexting sen consentimento, son novas formas de exercen a violencia sexual nos nosos días.
O traballo que realiza a entidade para mudar a situación das mulleres con discapacidade, especialmente cando se trata de violencia, xerou a necesidade de crear un material específico que permita coñecer a violencia dixital en todas as súas vertentes, en especial a violencia sexual dixital. Así, como punto de partida xorde a realización dun estudo previo que permita coñecer o impacto deste tipo de violencia nas mulleres e nenas en Galicia, que servirá como preámbulo para a elaboración de material que promova a sensibilización, detección, prevención e erradicación da violencia sexual dixital. Este estudo e todo o material que se elaborará posteriormente realízase coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Cabe destacar que a enquisa é totalmente anónima e confidencial, e está dispoñible tanto en galego como en castelán:
Para a versión en galego clica aquí
Para a versión en castelán clica aquí