Novas

12/12/2022 11:48:34
  • 2022

A Xunta de Galicia respalda o Servizo Dedaleira, de atención sexolóxica para persoas con discapacidade, familias e profesionais ofrecido por ACADAR

Un ano máis a Xunta de Galicia respalda o Servizo Dedaleira, de atención sexolóxica para persoas con discapacidade, familias e profesionais ofrecido por ACADAR e que conta co apoio de COGAMI. 

A través dun convenio de colaboración, este 2022 participaron un total de 199 persoas nas máis de 60 formacións levadas a cabo en diferentes puntos de Galicia. Ademáis das formacións desenvolvidas a grupos de persoas con discapacidade, ás familias e ás persoas profesionais da súa contorna, realizáronse 58 atencións individuais a persoas usuarias que así o demandaron. 

Deste xeito, as profesionais do servizo desprazáronse a localidades como Teo, Lugo, Vilagarcía, Cabana de Bergantiños, Negreira, Pontevedra, Monforte e Ferrol entre outras para atender as demandas trasladadas dende diferentes centros e asociacións para coas persoas usuarias e profesionais. 

Cómpre destacar que pese aos avances acadados, a esfera da sexualidade todavía segue a ser un ámbito no que poñer o foco. Dedaleira fomenta á apertura dun novo horizonte de oportunidades cara ás persoas con discapacidade, e das mulleres en particular, no ámbito da sexualidade. Así, debe prevalecer a necesidade de seguir incidindo e traballando para acadar non só o acceso a unha educación sexual de calidade en todas as etapas da vida, senón a consecución de que a mesma estea presente nos diversos organismos e entidades que acompañan ás persoas con discapacidade dun xeito estable e continuo, adaptándose aos cambios e inquedanzas propias da evolución vital e da interacción co contexto, de maneira que se promova e fomente a autonomía sexual que cada persoa debe ter e a prevención de situacións de risco.