ACADAR dende o 2009 centra a súa labor na atención integral ás mulleres con discapacidade, promovendo a igualdade e previndo a violencia de xénero dende diferentes ámbitos e en todos os niveis de intervención.
Dende a entidade lévase a cabo formación específica sobre muller, discapacidade e violencia de xénero, dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, de bacharelato, Formación Profesional, estudantado universitario ou calquera outro ámbito educativo no que exista unha demanda de formación específica neste eido, dada a necesidade detectada pola entidade de sensibilizar ao alumnado e/ou futuro persoal traballador, sobre discapacidade, igualdade e prevención da violencia de xénero. Deste xeito queremos sensibilizar e dar a coñecer unha realidade moitas veces invisibilizada nos seus entornos.
Dende ACADAR tamén se realizan formacións específicas sobre violencia de xénero con grupos de mulleres con discapacidade. As actividades que se levan a cabo de xeito grupal teñen como obxectivo dotar das ferramentas necesarias ás participantes para detectar as distintas manifestacións da violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade, co fin de sensibilizar e concienciar neste eido. Por outra banda, tamén ofrecemos os apoios precisos segundo as necesidades individuais detectadas ou ben demandadas en materia de información, asesoramento ou acompañamento en situacións vividas no pasado ou no presente de violencia, coordinando estas accións con todas aquelas entidades e recursos tanto de protección como de atención e información, dispoñibles na contorna en materia de violencia.
Para máis información, contáctanos a través do formulario ou preme aquí para coñecer outras canles de contacto.
Se desexas máis información sobre o servizo, cubre o seguinte formulario e informaremoste na maior brevedade