Novas

08/03/2024 11:05:43
  • 2024

Dereitos reais xa!

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, atopámonos un ano máis nunha data importante para a reivindicación, dirixida aos poderes públicos así como ao conxunto da sociedade, da necesidade de promover e fomentar a igualdade real de oportunidades para abordar todas as situacións de discriminación ou exclusión social que vivimos as mulleres e nenas en todo o mundo.  

Este día conmemora a loita das mulleres, en permanente evolución, por transformar a realidade preservando os dereitos básicos e fundamentais do colectivo.  

Desde o Movemento asociativo de Mulleres con Discapacidade, destacamos este ano o avance lexislativo que supuxo a reforma do artigo 49 da Constitución Española, o cal fai referencia ás persoas con discapacidade, coa eliminación do texto dos conceptos e expresións que supoñían un prexuízo sobre elas, así coma o recoñecemento pleno dos seus dereitos.  

Aínda que é certo que isto supón un novo fito no avance para as liberdades e a igualdade real das persoas con discapacidade en España, é necesario remarcar que a situación de especial vulnerabilidade das mulleres e nenas con discapacidade xustifica claramente que o novo artigo 49 da Constitución faga alusión expresa á atención das súas necesidades. 

Sen embargo, desde a Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR), reclamamos que os cambios se estendan a todas as esferas de actuación e participación social, cunha atención especial ás nenas e mulleres con discapacidade, porque de nada valerá cambiar expresións e conceptos se non se promove un cambio de paradigma, incluíndo a perspectiva de xénero.  

Sobre isto, no Informe Final sobre a Situación Social e Laboral das mulleres con discapacidade, publicado desde CEMUDIS, destácase que máis do 30% das mulleres con discapacidade se atopan en situación de desemprego ao que se engade que, en caso de ter un emprego remunerado, case a metade están percibindo unha remuneración inferior ao Salario Mínimo Interprofesional.  

Sobre outros aspectos importantes, por exemplo o acceso á formación ou ao sistema educativo, menos do 50% de mulleres con discapacidade accederon a estudos superiores como Formación Profesional, Grao Universitario etcétera, e nos casos nos que se accede á educación a través do proceso ordinario de escola primaria e/ou educación secundaria, existen numerosas deficiencias, ademais dos obvios prexuízos sociais do sistema que supoñen unha dificultade engadida para o desenvolvemento das mulleres e nenas con discapacidade.  

O feito de que se reflectise a situación das mulleres con discapacidade dentro da norma fundamental española é moi importante, pero queremos que sexa unha realidade en todos os sentidos e isto pasa porque se establezan as dotacións económicas necesarias e ao mesmo tempo que se apliquen medidas de acción positiva orientadas a mellorar a vida social, política, económica, cultural e laboral das persoas que forman parte do colectivo, para avanzar nunha dirección de igualdade efectiva e real para as mulleres e nenas con discapacidade.  

Por último, este ano queremos tamén facer mención especial á necesidade de promover e defender os Dereitos Humanos das mulleres e nenas con discapacidade, facendo un importante recordatorio de que a exclusión, a violencia, ou calquera das variantes da discriminación cara ás mulleres, vulneran directamente os principios da igualdade de dereitos así como do respecto da dignidade humana, recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a cal os Estados membro deben respectar e coidar, establecendo medidas de acción positiva e dotando de financiamento necesario ás entidades, organismos, asociacións etcétera, que traballan tanto na defensa como na promoción dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade. 

Por todo iso, CEMUDIS e todas as entidades confederadas esiximos: 

  • Fomentar a participación social de todas as mulleres e nenas con discapacidade sen distinción.  
  • Asignar un financiamento xusto e estable para o desenvolvemento de programas e actividades que levan a cabo as entidades asociativas.  
  • Establecer e promover formación especializada aos equipos socio-sanitarios, equipos profesionais de entidades sociais, así como corpos e forzas de seguridade, para que sexan coñecedores dos procesos de intervención con mulleres e nenas con discapacidade, nos que se impulse o benestar e a autonomía persoal. 
  • Garantir o dereito á saúde sexual, entendida como un estado de benestar físico, mental e social que comprende a posibilidade de gozar experiencias sexuais pracenteiras, sen discriminación, violencia ou prexuízos.  
  • Velar polo cumprimento dos dereitos fundamentais recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos.  
  • Incorporar indicadores en todos os estudos e estatísticas para dar a coñecer a situación das mulleres e nenas con discapacidade que viven ou viviron violencia en calquera das súas modalidades.  
  • Impulsar a perspectiva da discapacidade e de xénero en todos os proxectos subvencionados con fondos públicos que poidan estar relacionados coa violencia contra as mulleres e nenas.  
  • Garantir e fomentar unha educación inclusiva e adaptada para as nenas e mulleres con discapacidade, incluíndo accións encamiñadas á erradicación do fracaso e/o abandono escolar.  
  • Promover un sistema educativo baseado na coeducación que consolide a igualdade de oportunidades, a corresponsabilidade e a inclusión social de todas as mulleres.  
  • Promover unha imaxe que se axuste á realidade, de forma positiva, das nenas e mulleres con discapacidade que poida favorecer a inclusión social do colectivo en todos os aspectos da vida.  
  • Recoñecer desde os poderes públicos o labor desempeñado cada día polas entidades sociais que promoven a igualdade, dotando de recursos e servizos a colectivos en situación de vulnerabilidade, especialmente ás nenas e mulleres con discapacidade.  
  • Garantir a vida independente e autónoma das mulleres e nenas con discapacidade.  
  • Establecer os mecanismos necesarios para facilitar o acceso das mulleres con discapacidade ao mercado laboral.  
  • Promover e fomentar a participación cultural e o lecer, desde unha perspectiva de accesibilidade e inclusión social, para as mulleres e nenas con discapacidade. 

 

Desde a Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade (CEMUDIS), en nome e representación de todas as organización que traballan activamente na defensa e protección dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, e especialmente as nosas entidades membro (Federación de Asociaciones de Mujeres con Discapacidad en Andalucía FAMDISA, Asociación AMANIXER de Aragón, Asociación LUNA Castilla-La Mancha, Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia ACADAR, Asociación Más Mujer Murcia, Asociación Dones no Estàndars de Cataluña, Asociación de mujeres con discapacidad de Palencia AMUDIS, Asociación extremeña de mujeres con discapacidad AEMDI, Asociación de Mujeres en Movimiento de Valencia); reivindicamos a necesidade de seguir sumando e poñendo empeño para erradicar calquera forma de violencia ou vulneración dos Dereitos Humanos fundamentais das mulleres e nenas con discapacidade que aínda a día de hoxe seguen a producirse. 

 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024. 

 

 

#8M 

#DerechosRealesYa #DereitosReaisXa