Novas

23/11/2023 11:00:56
  • 2023

 

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Sen consentimento hai agresión

 

(Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023)

 

Un ano máis, o 25 de novembro reúnenos para reivindicar un mundo libre de violencia machista. Facémolo porque milleiros de mulleres e nenas enfróntanse cada día a situacións de violencia en todas as súas modalidades. Por iso, seguiremos reclamando fronte as autoridades e a sociedade en xeral, ata que todas as mulleres, sen excepción, poidamos vivir libres e sen medo.

En España, no ano 2023, foron asasinadas 52 mulleres por violencia de xénero a mans das súas parellas ou ex-parellas. Se observamos as estatísticas dende 2003, ano en que comezaron a rexistrarse oficialmente, o número ascende a 1.237 mulleres asasinadas. Ademais, dende o inicio da nova estatística de feminicidios na que se computan todos aqueles que teñan un compoñente de xénero fóra da parella ou ex-parella, outras 47 mulleres foron asasinadas. Por todas elas é que cada 25N seguimos esixindo: Basta de violencia machista!

Nesta ocasión, queremos facer énfase nun aspecto crucial para a construción dunha sociedade sen violencia: o consentimento. Porque para participar nas actividades de calquera esfera da vida, incluíndo as relacións sexuais, debe existir un acordo libre, informado e sen coerción. Non nos cansaremos de repetilo: Sen consentimento hai agresión.

Consentir é unha acción que se toma libremente, sen presións ou manipulacións. O consentimento nunca debe darse por sentado por comportamentos anteriores, o contexto no que nos atopamos ou a roupa que empregamos. Ademais, é convinte remarcar que é reversible, polo que temos dereito a dicir “non” en calquera momento.

Dende ACADAR, como entidade confederada de CEMUDIS (Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade), reivindicamos a necesidade de garantir unha educación sexual con perspectiva de xénero e adaptada ás necesidades de tódalas persoas, que poña o foco no consentimento, resaltando a importancia de respectar tanto as decisións propias como as das demais persoas. Coñecer o significado do consentimento dende unha idade temperá pode previr futuras agresións sexuais.

O contexto no que vivimos, marcado por avances significativos na intelixencia artificial (IA), presenta novos desafíos na loita contra a violencia sexual e a vulneración do consentimento. Os algoritmos da IA están sendo utilizados para crear e difundir imaxes ou vídeos falsos que parecen representar a persoais reais involucradas en actividades sexuais. Ademais, os sistemas de chatbot impulsados por IA (robots de conversación en liña) poden ser empregados para atraer e manipular a persoas vulnerables, invadindo a súa privacidade e agredindo sexualmente en última instancia.

Tendo en conta o rápido avance deste tipo de tecnoloxías, urxe crear un marco lexislativo sólido para brindar garantías de protección ás persoas usuarias e responsabilizar a quen emprega a IA para cometer agresións sexuais. Por outro lado, é fundamental que se brinde formación actualizada aos equipos profesionais onde se contemplen os novos riscos da era dixital.

A violencia sexual exercida contra as mulleres e nenas con discapacidade é unha das formas de violencia máis invisibles e descoñecidas, entre outras razóns, porque socialmente somos percibidas como pasivas, anenadas e dependentes dos coidades de outras persoas. Non obstante, o certo é que temos catro veces máis risco de vivir violencia sexual que o resto das mulleres e, en España, o 12’8 % de mulleres con discapacidade viviu acoso sexual por parte dun familiar home.

O estigma e os conceptos erróneos sobre a discapacidade e a sexualidade poden ter un profundo impacto negativo, entre outras cousas, porque a moitas mulleres con discapacidade se lles nega o dereito á liberdade sexual e o acceso a información de calidade sobre a saúde sexual e reprodutiva. Se isto sucede, as posibilidades de estar expostas a situacións de violencia sexual aumentan.

O entorno familiar e social das mulleres con discapacidade debe afastarse da infantilización e a sobre protección, respectando a condición de seres sexuados inherente a todas as persoas: porque negar a nosa sexualidade e saúde sexual é, en si mesmo, un acto de violencia.

Dende CEMUDIS seguiremos traballando incansablemente para erradicar calquera forma de violencia contra as mulleres e para consolidar o consentimento como un principio universal e innegociable. Por todo o anterior, ACADAR e o resto das entidades confederadas, reclamamos as seguintes medidas urxentes:

  • Que se brinde formación e sensibilización específica sobre discapacidade para todo o equipo profesional implicado no proceso de protección e denuncia.
  • Que se cree un protocolo de atención integral a mulleres con discapacidade que viviran situacións de violencia en todas as súas manifestacións, co obxectivo de previr, detectar, atender e reparar o dano.
  • Que se realicen campañas de concienciación dirixidas a toda a poboación, orientadas a consolidar o consentimento como un principio universal e innegociable.
  • Que se fortaleza o marco lexislativo en materia de ciberseguridade e se creen leis actualizadas que contemplen a violencia sexual mediante ferramentas de intelixencia artificial, brindando particular atención a usuarias de maior vulnerabilidade, como poden ser mulleres e nenas con discapacidade.
  • Que se garanta o dereito á saúde sexual, entendida como un estado de benestar físico, mental e social que comprende a posibilidade de desfrutar experiencias sexuais sen discriminación, violencia ou prexuízos.
  • Que se garanta o acceso á información e recursos dispoñibles en materia de prevención de violencia cara as mulleres, empregando unha linguaxe accesible e eliminando calquera barreira.
  • Que se inclúan indicadores en todos os estudos e estatísticas que se poñan en marcha que permitan dar a coñecer a situación das mulleres e nenas con discapacidade que se enfrontan a situacións de violencia en todas as súas modalidades.

 

BASTA DE VIOLENCIA MACHISTA!

SEN CONSTIMENTO HAI AGRESIÓN

*Imaxen. Explicación da diseñadora: Un lazo violeta envolve a unha parella simbolizando un vínculo san e consentido. Por outro lado, a muller con discapacidade, a través da palabra “consentir” en lingua de signos, da a impresión de cortar os lazos non consensuados por parte da figura sen cor que aparece no fondo.