Novas

06/04/2020 9:39:53
  • 2020

Arranca o prazo para presentar a Declaración da Renda 2019, polo que tamén comeza a campaña da X Solidaria. As entidades sociais pretendemos animar a todas as persoas contribuíntes a marcar na súa Declaración da Renda o recado de “Fins sociais”, que é a casilla 106 “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”

A Administración dá a posibilidade ás persoas contribuíntes de decidir a onde queren destinar un 0,7% dos cartos recadados cos seus impostos. Uns fondos destinados na súa totalidade ao desenvolvemento de programas que beneficien ás persoas en situación de exclusión social ou pobreza a través de entidades de acción social.

Galicia, na campaña de 2019 recadou 17.463.833 euros, unha cantidade alcanzada gracias as 716.201 persoas que marcaron a X Solidaria na súa Declaración. Foron 14.564 persoas máis as que sinalaron a casilla 106 en comparación á Campaña de 2018, permitindo recadar 956.620 euros máis.

Aínda non podemos dar a campaña por superada. Na actualidade aínda hai 604.246 persoas contribuíntes que non marcan a X Solidaria e, de facelo, permitirían que a asignación final en Galicia se incrementara en 12.020.001 euros.

Das X nas prazas ás X nas casas

Nesta situación excepcional que estamos a vivir, persoas profesionais e voluntarias de moitas ONGs estamos a prestar un servizo esencial na loita contra o COVID-19. Pero seguirémola facendo tamén cando remate a pandemia, apoiando ás persoas en situación de vulnerabilidade e defendendo os seus dereitos. Traballo que é posible, en parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcaron o X Solidario na súa Declaración da Renda.

Dadas as circunstancias nas que nos atopamos estas semanas, as entidades sociais queremos animar a toda a cidadanía a que dende o 2 de abril enchan as redes sociais, as ventás e os balcóns das súas vivendas con carteis animando a marcar o X Solidario, para despois subir unha foto ás redes coas etiquetas #XSolidaria e #1MillonDeRazones.

Esta iniciativa servirá para expresar todo o que se pode conseguir marcando o X Solidario ao tempo que se pon en valor o traballo de miles de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social.