A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia participou no IX Foro Social de Mulleres con Discapacidade, celebrado en Barcelona entre os días 24 e 26 de novembro baixo o lema «Combatendo a trata e a explotación de mulleres e nenas con discapacidade».
O encontro, organizado pola Fundación CERMI Mujeres en colaboración coas entidades estatais e autonómicas do movemento asociativo da discapacidade, converteuse nun espazo de participación, reflexión colectiva, aprendizaxe e apoio mutuo, no que mulleres con discapacidade de diferentes puntos do Estado puideron compartir experiencias e analizar os principais desafíos que afectan ao exercicio efectivo dos seus dereitos.
Nesta novena edición, o foro puxo o foco na trata e na explotación de mulleres e nenas con discapacidade, realidades que continúan estando insuficientemente visibilizadas e documentadas. A discriminación múltiple, a dependencia económica, a pobreza, o capacitismo e as barreiras para acceder á información, á protección e á xustiza incrementan a súa exposición a situacións de violencia e abuso.
Ao longo das xornadas desenvolvéronse diferentes espazos de traballo e reflexión arredor da prevención, a detección de situacións de risco, a atención ás vítimas e os mecanismos de denuncia e protección. Tamén se abordou o impacto destas violencias na saúde mental, así como a necesidade de fortalecer os recursos especializados e garantir unha resposta institucional accesible e adaptada ás necesidades das mulleres con discapacidade.
Un dos momentos destacados foi o espazo de testemuños en primeira persoa «Non estás soa», no que se deu voz ás experiencias das mulleres, reforzando a importancia de escoitalas, recoñecelas e situalas no centro das políticas e actuacións destinadas a combater as violencias.
O foro coincidiu coa conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e incluíu a lectura pública do Manifesto das Mulleres con Discapacidade, así como a participación nos actos reivindicativos celebrados en Barcelona.
A participación da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia neste encontro permite seguir fortalecendo os vínculos co movemento asociativo estatal, compartir experiencias e contribuír á construción de propostas que incorporen unha perspectiva feminista, interseccional e de dereitos humanos.
Desde a entidade considérase fundamental que a loita contra todas as formas de violencia inclúa as realidades e necesidades das mulleres e nenas con discapacidade, garantindo o seu dereito a vivir libres de violencia, con autonomía, seguridade e plena participación social.
Porque ningunha muller debe quedar atrás e ningunha violencia pode permanecer invisible.