Llevamos a cabo la sesión de Violencia Sexual Digital con el alumnado de 1º de ESO y 1º y 2º de FP Básica.
Tivemos a oportunidade de levar a cabo a sesión de violencias dixitais no IES Plurilingüe Fontexería, en Muros, cos dous grupos de 1º da ESO e con 1º e 2º da FP Básica, cos que puidemos analizar como estes espazos dixitais, aínda que ofrecen numerosas posibilidades de comunicación e interacción, tamén poden converterse en escenarios nos que se reproducen desigualdades, estereotipos e diferentes formas de violencia.
Afondamos especialmente na violencia sexual dixital, identificando as súas distintas manifestacións, como a difusión de imaxes íntimas sen consentimento, o envío de contidos sexuais non desexados, o acoso a través das redes ou as presións para compartir fotografías e vídeos de carácter íntimo. Tamén reflexionamos sobre o papel que desempeñan as desigualdades de xénero nestas situacións e sobre a importancia de respectar os límites, a intimidade e as decisións das demais persoas, tanto nos espazos físicos como nos dixitais.
A sesión permitiu crear un espazo de reflexión e intercambio de opinións no que o alumnado puido compartir dúbidas, achegar experiencias e adquirir ferramentas para relacionarse de maneira máis respectuosa e segura nas contornas dixitais, promovendo unha convivencia baseada na igualdade, no respecto e no consentimento.