Novas

  • Inicio
  • /
  • Novas
  • /
  • 2026
  • /
  • ACADAR recibiu da Axencia Española de Protección de Datos o Premio na categoría de protección de datos persoais de colectivos vulnerables fronte á violencia dixital.
22/05/2026 13:47:06
  • 2026

A Axencia Española de Protección de Datos concedeu o Premio na categoría de protección de datos persoais de colectivos vulnerables fronte á violencia dixital a ACADAR polo seu proxecto “Guía de Violencia Sexual Dixital cara ás Mulleres con Discapacidade”.

O recoñecemento foi entregado nun acto institucional no que a Axencia puxo en valor iniciativas capaces de combinar innovación, tecnoloxía e protección dos dereitos fundamentais. Durante a súa intervención, desde a dirección da AEPD destacouse a necesidade de “garantir que o proceso tecnolóxico inclúa a protección de datos”, subliñando ademais que “é posible impulsar novas iniciativas innovadoras que respecten os dereitos fundamentais”.

A Axencia sinalou tamén que proxectos como o desenvolvido por ACADAR “dan respostas que constrúen confianza” e demostran que “se pode innovar desde a ética”. Así mesmo, defendeu un modelo tecnolóxico no que “as persoas permanecen no centro”, recoñecendo “o talento e compromiso para afrontar os retos da sociedade dixital”.

En representación de ACADAR interveu Marta Núñez, vogal da entidade, quen agradeceu o recoñecemento e destacou que este premio contribúe a visibilizar a realidade que viven nenas e mulleres con discapacidade para garantir os seus dereitos e eliminar calquera forma de violencia.

A asociación lembrou que naceu no ano 2009 para responder a unha realidade que non estaba sendo suficientemente reivindicada nin polo movemento de persoas con discapacidade nin polos movementos feministas. Desde entón, ACADAR impulsou ferramentas pioneiras como a “Guía de detección de violencia cara a nenas e mulleres con discapacidade”, a “Guía de violencia sexual cara a nenas e mulleres con discapacidade” e a “Guía de violencia sexual dixital”, ademais de materiais dixitais e interactivos dirixidos a familias, profesionais e cidadanía en xeral.

Durante o discurso de agradecemento, a entidade alertou sobre a especial vulnerabilidade que sofren as mulleres con discapacidade fronte á violencia, especialmente no ámbito dixital. ACADAR lembrou que distintos informes europeos sinalan que preto do 80 % das mulleres con discapacidade sofren violencia e que o risco de padecer violencia sexual é significativamente maior que no resto das mulleres.

A asociación incidiu tamén na importancia de implicar a todos os axentes sociais para previr, identificar e eliminar calquera forma de discriminación e violencia, defendendo a necesidade de contar con ferramentas específicas que permitan abordar novas formas de violencia dixital.

Así mesmo, ACADAR agradeceu ao comité de expertos e ao xurado da AEPD teren recoñecido un proxecto que nace da detección dunha problemática aínda pouco coñecida e escasamente visibilizada: a violencia sexual dixital cara a nenas e mulleres con discapacidade.

Con este premio, a Axencia Española de Protección de Datos recoñece o valor de iniciativas que demostran que a innovación tecnolóxica e a protección dos dereitos fundamentais poden avanzar da man, impulsando unha sociedade dixital máis segura, ética e inclusiva.