A deputada da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou a sede da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) para coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade no acompañamento, apoio e defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade.
Durante o encontro, puxéronse en valor os proxectos e accións que ACADAR leva a cabo para promover a igualdade, a participación social e a visibilización das realidades que afectan ás mulleres con discapacidade, especialmente aquelas relacionadas coa vulnerabilidade fronte ás violencias machistas e á exclusión social.
ACADAR é unha das entidades beneficiarias do programa FOIO0A/2026 da área de Igualdade da Deputación da Coruña, unha liña de axudas destinada ao apoio do tecido asociativo que traballa pola igualdade real e efectiva.
“Con esta liña de axuda reafirmamos o noso compromiso co apoio ao tecido asociativo que traballa día a día pola igualdade real e efectiva”, sinalou Sol Agra. A deputada destacou tamén a importancia de “garantir a estabilidade dos proxectos que traballan nun ámbito, o da discapacidade, que moitas veces queda fóra dos programas das institucións competentes”.
Así mesmo, incidiu na necesidade de visibilizar a situación das mulleres e nenas con discapacidade fronte á violencia sexual e outras formas de discriminación: “A discapacidade e a situación de vulnerabilidade fronte á violencia sexual das mulleres e nenas con discapacidade é unha realidade incómoda que continúa invisibilizada, polo que o labor de ACADAR é fundamental para achegalo á sociedade”.
Desde ACADAR agradecemos a visita e o apoio institucional da Deputación da Coruña, así como o recoñecemento ao traballo que desenvolvemos en defensa dos dereitos, a autonomía e a igualdade das mulleres con discapacidade.