É innegable que a excepcional situación xerada pola pandemia da COVID19 está deixando unha gran pegada en cada persoa. Este acontecemento puxo de manifesto, aínda máis, as distintas barreiras que as mulleres con discapacidade se atopan no seu día a día. Por unha banda, o propio risco que supón a COVID19 para a saúde e a integridade das mulleres con discapacidade, xunto coas situacións de angustia, medo e estrés que a incertidumbre sobre a enfermidade e posible contaxio acarrea. Por outra banda e unido á pandemia, os meses de confinamento en 2020 e as diversas restricións posteriores, provocaron que a maior parte da sociedade incrementara o uso das tecnoloxías tanto para teletraballar, para estudar e formarse, para manter o contacto con outras persoas, ou como para realizar compras, pagos ou outro tipo de xestións de carácter administrativo.
O confinamento non só abriu un mundo de posibilidades, se non que acrecentou a fenda dixital existente, xa que unha gran parte da sociedade, sobre todo mulleres con discapacidade, quedaron totalmente illadas con respecto ao resto das persoas, xa fora por descoñecemento do emprego das TIC ou pola zona xeográfica na que residen, o cal tamén pode supoñer en certa maneira un obstáculo para o desenvolvemento coas novas tecnoloxías debido á unha menor infraestrutura.
Non podemos esquecer que a pandemia obrigou a moitas mulleres a quedar pechadas nas súas vivendas cos seus agresores, agravando as situacións de violencia e poñendo en serio perigo a súa integridade, coa dificultade engadida de non só non poder saír senón tamén non poder pedir axuda.
A COVID19 significou un importante problema económico para a sociedade en xeral, obrigando a pechar moitos negocios e deixando a moita xente nunha situación moi precaria. Para as mulleres con discapacidade isto non foi menos, xa que durante certo período de tempo o acceso ao emprego e a diferentes recursos viuse paralizado cando xa antes da pandemia era unha situación difícil.
Por todo isto, é preciso coñecer a nova realidade que nos deixa a COVID19, evidenciando unha inmensa fenda dixital que compromete a calidade de vida das mulleres con discapacidade, dificultando o acceso ao emprego, á educación, ao ocio e aos distintos recursos que pola súa situación de discapacidade teñen dereito. Deste xeito, coñecendo o alcance real deste impacto, poderanse definir medidas e accións adaptadas ás necesidades reais das mulleres e minimizar esa fenda dixital garantindo a igualdade real de oportunidades.
Para colaborar neste estudo e completar a enquisa podes premer aquí