Novas

06/03/2020 13:10:23
  • 2020

MANIFESTO 8 MARZO DE 2020

 

Hoxe, día 8 de Marzo de 2020, as mulleres de todo o mundo saímos a rúa, unha vez máis, a esixir a igualdade real e efectiva de dereitos entre mulleres e homes. Queremos trasladar a todo o mundo que nós, as mulleres, non imos a parar de reivindicar a igualdade ata que sexamos cidadás de pleno dereito.

Este 2020, conmemorase o 25º aniversario da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada en Beijing, que supuxo un acontecemento histórico para o empoderamento das mulleres marcando un antes e un despois na axenda política de moitos países en igualdade de xénero. Tamén se cumpre o 10º aniversario da creación da ONU Mulleres e o 5º aniversario da Axenda 2030, cuxo piar básico en relación ao desenvolvemento sostible é a igualdade de xénero.  Aínda así, anos despois destes acordos non todo está conseguido nin semella estar preto, pois quedan moitos desafíos aos que facer fronte. Aínda, ningún país pode afirmar que acadou a igualdade real en cuestións de xénero.

Dende a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACADAR, poñemos en coñecemento todas as discriminacións que as nenas e mulleres con discapacidade vivimos durante toda a historia sendo relegadas á hora de decidir sobre a nosa propia autonomía, maternidade ou sexualidade, sendo desprazadas da esfera pública e silenciadas, negándosenos o acceso a educación, a sanidade, o emprego, a vivenda e demais servizos en igualdade de oportunidades polo incumprimento da accesibilidade universal. Somos invisibles.

Hoxe dende ACADAR,  esiximos tanto aos poderes públicos coma a sociedade o remate das inxustizas que vivimos de forma constante, e dende que nacemos, as nenas e mulleres de todo o mundo en tódolos ámbitos das nosas vidas.

Para a loita destas inxustizas, dende as entidades sociais impúlsanse iniciativas como a campaña da ONU Mulleres “Xeración Igualdade” que baixo o lema “son da Xeración da Igualdade: Polos dereitos das mulleres”, insta aos gobernos para que asuman compromisos e leven a cabo medidas que acaben coa discriminación cara á muller.

Por outro lado, en Galicia, a campaña 12 Chaves da Inclusión que dedica este mes á muller, e pon o énfase na necesidade urxente de xerar un cambio social no imaxinario que a sociedade ten sobre as nenas e mulleres con discapacidade, provendo erradicar a invisibilidade e as situacións de violencia, pasando a ser parte activa da sociedade.

Esta situación só pode mudar co compromiso, responsabilidade e implicación da cidadanía pero sobre todo, dende a nosa loita, xuntas con sororidade.

Por todo isto e dende ACADAR sumámonos ás reivindicacións por parte de CEMUDIS, e con voz firme, esiximos:

  1. Que a igualdade pase do marco teórico/lexislativo ao real e efectivo para todas as persoas sen distinción da idade, de ter unha discapacidade, da identidade e orientación sexual, da etnia, relixión, da cultura ou do nivel económico e político
  2. Que se garanta a igualdade salarial entre mulleres e homes
  3. Que o feminismo se implemente de forma transversal e interseccional en tódalas políticas
  4. Elevar e impulsar políticas de conciliación familiar e equiparalas entre as mulleres e os homes
  5. Garantir unha vida independente, autónoma e saudábel de tódalas nenas e mulleres con discapacidade promocionando o seu benestar en tódalas etapas da vida
  6. Garantir a accesibilidade universal das nenas e mulleres con discapacidade a tódolos servizos, contornas, procesos, bens, produtos, instrumentos, ferramentas e dispositivos, así como tamén o acceso a unha formación e a un emprego, tanto nas zonas urbanas como rurais
  7. Elaborar plans de accións e lexislacións propias e axeitadas para que mellore a situación das nenas e mulleres con discapacidade
  8. Que dende os poderes públicos se potencie e se fomente unha imaxe real e positiva das nenas e mulleres con discapacidade eliminado os prexuízos baseadas na idea de inferioridade
  9. O dereito das nenas e mulleres con discapacidade da plena integración escolar cos medios necesarios para garantir unha formación axeitada ás capacidades das mesmas
  10. Que se impulse dende os poderes públicos o uso e a normalización dunha linguaxe inclusiva
  11. Promover a investigación estatística sobre as distintas formas de violencia cara á muller con discapacidade, especialmente na esfera do fogar, para posteriormente aplicar as medidas necesarias para erradicalas.
  12. Recoñecer dende os poderes públicos a labor que desempeñan as entidades sociais que promoven a igualdade e dotan de recursos e servizos a colectivos en situación de vulnerabilidade, especialmente as nenas e mulleres con discapacidade.
  13. Que se adopten medidas pertinentes para asegurar o pleno desenvolvemento das nenas e mulleres con discapacidade, que permitan a súa inclusión social, o exercicio e goce dos dereitos humanos e liberdades en igualdade de condicións.

Dende ACADAR, como axente de cambio, reivindicamos a erradicación de toda forma discriminación dirixida cara ás nenas e mulleres con discapacidade, especialmente no concirne á toma de decisións, privación de dereitos, así como o abuso de poder, que son invisibilizados e silenciados polo resto da sociedade.

 


Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2020