MANIFESTO 25 DE NOVEMBRO 2020
“DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES”
Un ano máis, dende ACADAR volvemos a alzar a voz en sinal de dor e lembranza polas 80 mulleres que foron asasinadas ao longo deste 2020. Con todo, a pesares da gravidade que transmiten estes datos, nas cifras oficiais só vemos reflectidas a 41 delas: aquelas onde as violencias se sitúan no marco das relacións afectivas, aquelas perpetradas polas súas parellas ou ex-parellas. É urxente que se instauren as medidas propostas no Convenio de Istambul, a base do pacto de Estado contra a violencia machista, para que tantas mulleres deixen de caer no esquecemento e se consideren de xeito integral as violencias perpetradas cara ás mulleres polo feito de selo, outorgándolles recoñecemento e dignidade.
Así mesmo, temos moi presentes tamén ás 19 persoas menores de idade que quedaron orfas a consecuencia de dita violencia, e mesmo ás 3 ás cales se lles arrebatou a vida sendo empregadas como unha mera ferramenta máis para incrementar a dor das súas parellas ou ex-parellas.
Todo isto é só unha ínfima parte dunha realidade moi presente que ven de ser recollida en cifras a través da última Macroenquisa de Violencia contra a Muller, onde se conclúe que máis de 4 millóns de mulleres viviron algún tipo de violencia durante o ano pasado, e onde tamén queda reflectida a maior vulnerabilidade das mulleres con discapacidade (un 23,4 % das mesmas afirma que a súa discapacidade foi a consecuencia da violencia física ou sexual vivida), cuxo illamento e invisibilización veuse acentuado por mor da pandemia da COVID-19.
A situación excepcional que estamos a vivir está xerando unha importante crise a nivel mundial, aumentando as desigualdades e impactando de xeito máis notorio nas poboacións máis desfavorecidas. Isto constitúe unha ameaza de cara ao cumprimento do obxectivo 5 da Axenda 2030: a consecución da igualdade de xénero e o empoderamento de todas as mulleres e nenas. Segundo organismos como Save the Children ou Fundación Malala, os efectos da COVID-19 poderían chegar a reverter os escasos logros acadados en materia de igualdade e consecución de dereitos das mulleres, e máis especificamente no caso das mulleres e nenas dos países menos desenvolvidos. Por tanto, o aumento das desigualdades levará irremediablemente a un incremento dos matrimonios forzosos e do número de embarazos, o cal unido ao peche de escolas traducirase nun abandono dos estudos e nunha maior exposición a vivencias de explotación sexual, violencia ou abuso.
A nivel estatal, a violencia machista tivo un impacto máis directo se cabe durante o confinamento, no que moitas mulleres atopáronse literalmente atrapadas cos seus agresores e con maiores dificultades para acceder aos recursos de asistencia correspondentes que se viron afectados polos recortes e restricións propias do confinamento. Segundo os datos proporcionados polo Ministerio de Igualdade, durante este período apreciouse un aumento do 60% nas peticións de axuda aos servizos de asistencia, o que reflicte a preocupante situación á que se viron abocadas estas mulleres.
É de sinalar que no caso das mulleres ou nenas con discapacidade os obstáculos de cara a afastarse dunha situación violenta ou acceder a ditos servizos básicos de axuda vense aumentados: a falta de accesibilidade a eses recursos, residir en zonas rurais onde os desprazamentos autónomos son imposibles, infantilización, sobreprotección, a falla de credibilidade... Compre ter en conta que previamente a este panorama excepcional derivado da crise sanitaria, as mulleres e nenas con discapacidade xa estaban en situación de desvantaxe en relación ás mulleres que non teñen discapacidade, o que se reflicte nos datos aportados polo Parlamento Europeo, segundo o cal o 80% experimentan ao longo das súas vidas algún tipo de violencia; así mesmo e sumado a isto, a situación derivada desta pandemia non fixo máis que incrementar a perda dos seus dereitos.
Dende ACADAR queremos facer tamén un chamamento en relación ao preocupante incremento da violencia online experimentada por nenas e adolescentes, nun escenario no que aumentou o uso de internet por mor do acceso á educación a distancia e das redes sociais en xeral, expoñéndoas en maior medida ao ciberacoso.
Finalmente, non queremos deixar de sinalar que as mulleres non son só as máis afectadas por esta crise que estamos a experimentar, se non que son a chave para a súa recuperación, tendo en conta a súa maior implicación no traballo sanitario e vinculado aos coidados -tan pouco recoñecido, por outra banda-.
Concordamos plenamente con ONU-Mulleres en considerar fundamental unha resposta rápida e específica centrada, entre outros aspectos, en mitigar e reducir a violencia machista e promover a protección social de mulleres e nenas. Tendo isto como premisa, dende ACADAR ESIXIMOS:
Non máis violencia machista. Nin unha menos!
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020