Novas

07/03/2018 10:19:05
  • 2018

Hoxe día 8 de marzo conmemoramos o Día da Muller, unha data que traspasa fronteiras  na que as mulleres de todo o mundo saímos á rúa para reivindicar os nosos dereitos. Son varios os feitos históricos que marcan esta data como día de loita: no 1857 a mobilización de mulleres obreiras do sector téxtil esixindo a mellora das condicións laborais; en 1909 destacadas mulleres socialistas americanas tal como Corinne Brown e Gertrude Breslau-Hunt instauraron o primeiro “Women’s Day”; no 1910 en Europa, da man de Clara Zetkin, decídese proclamar o día da muller traballadora; o tráxico incendio dunha fábrica téxtil en New York onde un gran número de traballadoras perderon a vida no 1911 reivindicando os seus dereitos... Unha historia chea de feitos e accións feministas en busca permanente da xustiza e da igualdade.
 

Seguindo o legado de tódalas mulleres pioneiras que dende diversos ámbitos alzaron a súa voz en defensa da igualdade, reivindicando os dereitos laborais, sociais ou políticos, neste 2018, e uníndonos ao chamamento de folga internacional  que dende numerosos colectivos se pon en marcha, ACADAR pon de manifesto o seu férreo compromiso de traballo pola igualdade de oportunidades entre as persoas. Esta xornada reivindicativa implica a tódalas esferas da vida das mulleres: laboral, de coidados, de consumo e estudantil, polo que as mulleres con discapacidade como parte activa da sociedade, reclamamos tódolos dereitos que nos pertencen. Neste día baixo o lema “Se as mulleres paran, párase o mundo”, preténdese visibilizar o feito de que sen o traballo que asumimos tódolos días, non só no ámbito laboral se non tamén no consumo e coidados, sen todas nós, a sociedade non pode avanzar.
 

Convocamos pois, a tódalas mulleres que neste 8 de marzo queiran alzar a súa voz, se unan a este chamamento do xeito que consideren máis oportuno:  paros parciais no traballo, folga de consumo, non realizar tarefas de coidados... deste xeito estaremos reclamando un mundo onde toda a sociedade asuma as mesmas responsabilidades, un mundo xusto e igualitario.
 

ACADAR acudirá as 12.00 horas do día 8 de marzo á Praza Roxa de Santiago de Compostela, en resposta a unha das convocatorias de concentración, que se levarán a cabo ese día por toda a cidade. Contamos ca nosa arma máis poderosa: a “sororidade”, ese pacto feminino para camiñar xuntas polo sendeiro da igualdade. É unha alianza social, política, cultural, familiar e laboral que, en definitiva, atinxe a tódalas dimensións.
 

Por tanto dende ACADAR, cremos que as institucións locais, autonómicas e estatais teñen o deber de impulsar unha lexislación, plans e medidas acordes ca realidade vixente e con perspectiva feministas. Que se de cumprimento á posta en marcha do Pacto de Estado contra a Violencia con medidas reais e efectivas. Que tanto as administracións como a sociedade no seu conxunto tome conciencia da importancia de incluír a tódalas persoas, sen distinción de idade, discapacidade, orientación sexual, etnia, etc. e que tódalas mulleres poidan gozar dunha vida plena e xestionada por elas mesmas.
 

Neste 8 de marzo as mulleres con discapacidade de Galicia alzámola voz para esixir:

  1. Que se garanta a igualdade salarial entre mulleres e homes.
  2. Que se impulsen medidas de conciliación e corresponsabilidade entre mulleres e homes.
  3. O dereito das mulleres e nenas con discapacidade da plena integración escolar, laboral, familiar e social.
  4. A garantía dunha vida independente e o pleno desenvolvemento autónomo de tódalas mulleres e nenas con discapacidade.
  5. Garantir o acceso universal a tódolos servizos, contornas, procesos, bens, produtos e servizos, así como obxectos, instrumentos, ferramentas e dispositivos.
  6. Unha lexislación axeitada que mellore a situación das mulleres con discapacidade.
  7. Que se doten os medios necesarios para garantir unha formación axeitada ás capacidades das nenas e mulleres con discapacidade.
  8. Que se promovan programas que aseguren o acceso á formación e emprego das nenas e mulleres con discapacidade.
  9. Que se implanten medidas encamiñadas a erradicar o fracaso escolar e abandono dos estudos das nenas e mulleres con discapacidade.
  10. Que se poña en funcionamento o Pacto de Estado contra a Violencia.
  11. Que se incorpore o indicador da discapacidade en todas as estatísticas de violencia contra as mulleres, tanto maiores como menores de idade, de calquera ámbito territorial.
  12. Que se incorpore a discapacidade nas campañas de prevención e sensibilización contra a violencia, e que se distribúan en formatos accesibles.
  13. Que se potencie unha imaxe real e positiva das nenas e mulleres con discapacidade para favorecer a súa inclusión en todos os ámbitos da vida, eliminando calquera forma de discriminación.