Todos os dereitos. Todas as mulleres.
“Por un mundo donde seamos socialmente iguales, humanamente diferentes y totalmente libres”. Rosa de Luxemburgo.
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, reúnenos cada ano para reflexionar sobre o rol fundamental das mulleres nos diferentes ámbitos da vida e conmemorar a loita por un mundo máis xusto e igualitario.
A pesar dos avances conseguidos en materia de dereitos nos últimos tempos, as nenas e mulleres con discapacidade seguímonos enfrontando diariamente a situacións de violencia, desigualdade e capacitismo. Por iso, esta data debe servir tamén para esixir ante os poderes públicos e a sociedade no seu conxunto, un cambio real fronte ás inxustizas sociais. Neste 8M reivindicamos: Todos os dereitos, para todas as mulleres.
Un dos principios da Convención Internacional de Persoas con Discapacidade é que as mulleres e nenas con discapacidade gozan de todos os dereitos humanos en igualdade de condicións coas demais persoas; con todo, a realidade dista moito disto, xa que os nosos dereitos fundamentais ven vulnerados cada día de forma directa ou indirecta por parte doutras persoas, organizacións, empresas ou administracións públicas.
En ACADAR e nas demais entidades que formamos parte da Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidade (CEMUDIS) cremos que a base dun cambio cara a unha sociedade xusta e equitativa, na que podamos gozar plenamente dos nosos dereitos, debe vir da man dunha educación en igualdade e diversidade. Por iso, para garantir as mesmas oportunidades, é necesaria unha proposta metodolóxica de educación con perspectiva de xénero, con todos os recursos e apoios que sexan necesarios, adecuados ás características de cada persoa. A nova lei ‘LOMLOE’ aposta por unha educación inclusiva, pero aínda queda moito por facer. Entre outras cousas, faltan recursos humanos e é necesario que sigamos loitando para que as mulleres e nenas con discapacidade estean incluídas realmente no sistema educativo.
Da mesma maneira, fomentamos os valores de autonomía e independencia persoal, que permitan o pleno desenvolvemento dos proxectos de vida das mulleres con discapacidade. Para conseguilo, unha ferramenta fundamental é o acceso ao traballo en condicións dignas e igualitarias. O certo é que, segundo o Informe Social e Laboral de CEMUDIS, as mulleres con discapacidade presentan as peores cifras en todas as variables relacionadas co emprego, non só respecto aos homes con discapacidade senón tamén respecto ás persoas sen discapacidade en idade laboral.
En materia de accesibilidade, non podemos esquecer as barreiras ás que se enfrontan as mulleres con discapacidade, principalmente aquelas con mobilidade reducida ou con maior necesidade de apoios, á hora de acceder a transportes, servizos ou atención sociosanitaria. É indispensable garantir a accesibilidade universal, o deseño para todas as persoas e os axustes razoables nos centros de saúde. Por esta razón CEMUDIS de novo, lanzou unha Guía de Actuación que aborda, entre outras cousas, estratexias para a intervención en atención primaria e hospitalaria, accesibilidade universal, linguaxe inclusiva, así como servizos de apoio que contribúan á capacitación do equipo de profesionais da saúde, para facilitar a prevención e/ou a detección de situacións de violencia.
En España, no ano 2022 foron asasinadas 49 mulleres por violencia de xénero a mans das súas parellas ou exparellas; e outras 8 mulleres no que levamos de 2023. Desde ACADAR condenamos enerxicamente estes asasinatos e reclamamos ás administracións medidas específicas dirixidas a incrementar a protección e a prevención, para que todas as mulleres e nenas con e sen discapacidade deixen de estar expostas a calquera tipo de violencia. Querémonos vivas, libres e donas dos nosos proxectos de vida.
Por último, cabe resaltar que a educación sexual incúmbenos a todas as persoas e que debe ser adaptada ás necesidades de cada unha de nós. Moitas veces, a sobreprotección ou infantilización das mulleres con discapacidade provoca que non recibamos ningún tipo de información respecto diso. Pero é preciso facer fincapé na importancia de coñecer os dereitos sexuais e reprodutivos para permitirnos tomar decisións libres e seguras.
Para conseguir un mundo verdadeiramente xusto, onde todas as mulleres gocen de igualdade de trato e oportunidades, é necesario seguir sementando sororidade. Por iso, desde ACADAR e CEMUDIS apostamos polo asociacionismo, coa intención de axuntar forzas para loitar contra as inxustizas. É crucial seguir tecendo alianzas para cambiar a realidade na que vivimos.
Por todo iso, ACADAR e todas as entidades confederadas en CEMUDIS, esiximos:
#8M
#TodosOsDereitos #TodasAsMulleres