Novas

  • Inicio
  • /
  • Novas
  • /
  • 2022
  • /
  • ACADAR promove o empoderamento e autonomía persoal de 88 mulleres con discapacidade en 2021
10/03/2022 10:50:18
  • 2022

O Programa de ‘Empoderamento e Activación para o Emprego’ de COCEMFE atendeu en Galicia a 88 mulleres con discapacidade, involucrou a 12 administracións e entidades sociais e detectou 1 caso con necesidade alta de atención por violencia machista

ACADAR apoiou en 2021 o empoderamento e autonomía persoal, social e económica de 88 mulleres con discapacidade en Galicia, a través do seu ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’, co que tamén loitou contra as múltiples discriminacións que afectan de maneira estrutural ás mulleres deste grupo social e promoveu a súa participación en todos os aspectos da vida.

Este programa da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) promóvese en colaboración co programa Incorpora da Fundación ”la Caixa” e desenvolveuse por ACADAR en Galicia, onde se proporcionou atención a mulleres con discapacidade, maioritariamente da provincia de Pontevedra, que se atopaban en situación de desemprego, que necesitaban mellorar as súas condicións laborais e/ou que se atopaban nunha situación de maior vulnerabilidade.

A nivel autonómico, o 75% das mulleres con discapacidade que participaron no programa en 2021, de zonas como Vigo, Soutomaior, Moaña, A Guarda, Mondariz, Salvaterra de Miño, Tomiño,... atopábanse en procura de emprego, e a través de itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e actividades grupais destinadas a apoialas no seu proceso de empoderamento e autonomía persoal, moitas delas atoparon un recurso de apoio e motivación no seu proceso de inclusión laboral.

“Grazas aos talleres do Programa de Empoderamento comprobei que non estou soa na aventura da procura de emprego, que é unha tarefa moi difícil, pero non imposible, e coñecer a outras mulleres na mesma situación, axuda a seguir loitando”, asegura unha das mulleres participantes no programa que responde aos iniciais D. P.

O ano pasado en Galicia dedicáronse 226 horas á atención individual, conseguiuse a inclusión laboral de 6 mulleres con discapacidade e impartíronse 116 horas de sesións grupais en empoderamento, habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica. Ademais, celebrouse 1 sesión de formación e sensibilización sobre xénero, discapacidade e emprego dirixidas á poboación en xeral e profesionais de entidades e administracións vinculadas este proxecto. De igual modo, involucrouse a un total de 12 administracións públicas e entidades sociais para a súa colaboración no programa e detectouse 1 caso con necesidade alta de atención por violencia machista.

“Dende ACADAR, temos como prioridade a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa participación en tódolos ámbitos da sociedade” afirma a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, destacando a necesidade de “facer fronte as discriminacións que lles afectan en diferentes áreas da súa vida, especialmente en aquelas esenciais para a construción dun proxecto de vida propio, como é o caso do acceso e permanencia no mercado laboral“ 

O ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’, atópase dentro do plan de COCEMFE para o cumprimento da Axenda 2030 e do compromiso de ACADAR para contribuír ao seu cumprimento, concretamente co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero (ODS 5), para o que é imprescindible acabar coa discriminación e a vulneración de dereitos sociais, económicos, civís e políticos ás que se enfrontan as mulleres e nenas con discapacidade.

Durante 2022, o ‘Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego’ desenvolverase en Andalucía, Aragón, Galicia, Madrid, Navarra, Murcia e Estremadura.

As persoas interesadas en participar, poden poñerse en contacto coa técnica Diana Valeiras Carreiro, a través do correo electrónico igualdad.ourense@cocemfe.es e o teléfono 617 101 436.