Novas

  • Inicio
  • /
  • Novas
  • /
  • 2022
  • /
  • ACADAR e Xunta presentan campaña de sensibilización contra a violencia sexual que viven as mulleres con discapacidade
04/10/2022 8:35:33
  • 2022

Baixo o lema Que farías ti? a campaña componse das experiencias contadas por usuarias da asociación que se converten en historias interactivas que buscan reclamar a implicación social a través do formato audiovisual.

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), entidade membro de COGAMI, presenta unha campaña de sensibilización que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, para dar a coñecer situacións de violencia sexual contra mulleres e nenas con discapacidade.

Baixo o título `Que farías ti?´, a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, presentaron nas instalacións do CEGADI de Santiago de Compostela unha campaña que dá visibilidade a situacións de violencia e discriminación que viven nenas e mulleres con discapacidade.

No proceso de creación da campaña participaron máis de trinta persoas, co obxectivo de dar a coñecer e proporcionar ferramentas para a prevención a través de catro pezas audiovisuais que se poderán ver nestes enderezos http://www.acadar.org/ e https://www.descubrerealidades.org/. O obxectivo de cada unha destas pezas é reclamar a implicación social a través da participación activa da persoa espectadora, necesaria para que a historia do vídeo poida continuar.

Cada unha das pezas de vídeo presentada narra as experiencias vividas por mulleres  usuarias da asociación ACADAR, que nalgúns casos convértense nunha soa voz, e noutros en voces diversas. Son catro historias diferentes con guións que xorden de encontros e obradoiros realizados con mulleres con discapacidade e que se encargaron de levar ao audiovisual as directoras Noemi Chantada, Lucía Vilela, Mar Catarina e Xiana do Teixeiro.

Catro pezas audiovisuais

Existen múltiples maneiras de violencia cara ás mulleres, como a infantilización, sobreprotección, anulación da sexualidade e o control. Noemi Chantada utiliza a danza contemporánea para construír un xogo tipo test para ver se se recoñecen as violencias e situacións que se van presentando.

A violencia sexual exercida cara ás nenas e mulleres con discapacidade é unha das máis invisibles e descoñecidas para o resto da sociedade, debido a que o colectivo vese cun aire de infantilización, paternalismo e prexuízos sobre a súa sexualidade. Lucía Vilela aborda no seu proxecto os afectos, a sexualidade e as violencias sexuais a través dunha peza moi envolvente na que hai que ir escollendo por que camiño queremos seguir.

Segundo o Observatorio sobre discapacidade e mercado de traballo, un 32,5% das persoas con discapacidade atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. Mar Catarina crea un colaxe coa precariedade e o risco de exclusión social no centro e cheo de alarmas reais ou mentais que temos que apagar para poder continuar.

É imprescindible poñer en valor ás mulleres con discapacidade, potenciando a súa participación na sociedade e defendendo o seu empoderamento a través do respecto sobre o seu poder de decisión. Xiana do Teixeiro filma como mozas e mozas dun obradoiro de banda deseñada se achegan á realidade das mulleres con discapacidade a través do debuxo e de reflexionar a partir dunha árbore de desexos que lles fan chegar usuarias de ACADAR. Unha peza na que se pode 'cambiar de canle' ou 'cambiar de perspectiva' para ver máis en detalle como as e os participantes van plasmando a realidade que están a descubrir.

Mª Jesús Lorenzana indicou que as mulleres que integran este colectivo viven violencia sexual fóra da parella en maior medida que as mulleres sen discapacidade, aínda que, como dato positivo, apuntou que as primeiras denuncian en maior proporción: un 30,8% fornte a un 20,9%; e tamén buscan máis axuda, un 50,5% fronte ao 31,1%. Sinalou que o Goberno galego é consciente destas barreiras e, por iso, lembrou que a igualdade abórdase desde unha perspectiva integral. Expuxo, neste senso, que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, que se aprobou este ano, así como a nova Lei autonómica de igualdade entre mulleres e homes, en tramitación actualmente, inclúen como eixos transversais a interseccionalidade “porque traballar pola integración da diversidade das mulleres no enfoque de xénero tamén é considerar a discriminación múltiple que está presente na vida de moitas mulleres”, engadiu a conselleira. De feito, a futura normativa inclúe a accesibilidade como requisito imprescindible para achegar información ás mulleres con discapacidade e recoñecer as especifidades de todas.

“Na Xunta traballamos en definitiva na mellora da vida das mulleres galegas, xerando espazos de confianza e apoio e tecendo redes que nos axuden a camiñar xuntas cara unha sociedade mellor”, concluíu.

Para ver a primeira das historias e interactuar coa ela podes premer aquí