Novas

08/03/2021 9:18:38
  • 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 8 MARZO 2021

MULLERES LÍDERES; POR UN FUTURO IGUALITARIO NO MUNDO DA COVID-19 PARA MULLERES E NENAS CON DISCAPACIDADE.

O 8 de marzo mulleres en todo o mundo protagonizamos o momento de sororidade máis emblemático do ano.

Como en anos anteriores, este 2021, con motivo do Día Internacional da Muller sumámonos á comunidade internacional e en concreto á campaña da ONU cuxo tema é o enorme esforzo que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse así da pandemia da COVID-19.

A pandemia da COVID-19 relegounos aínda máis ás mulleres con discapacidade, en todas as esferas e ámbitos da nosa vida, aumentando as desigualdades e os riscos, especialmente no referente a situacións de violencia, acceso á atención sanitaria, á educación, ao emprego e participación social… As nosas vidas seguen marcadas polas desigualdades, por procesos de invisibilización derivados da discriminación interseccional.

Segundo datos recolleitos nun estudo de COCEMFE (Confederación Estatal de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica) sobre o impacto da COVID-19 en persoas con discapacidade, o 31 % das mulleres con discapacidade viu que a súa responsabilidade en relación aos coidados aumentou, o 36 % afirma que a economía familiar empeorou considerablemente debido á diminución dos seus ingresos e un 24 % manifesta ter maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. Ademais, o 11 % das mulleres fixeron mención tamén a que as interrupcións na atención presencial dos servizos públicos unidos á fenda dixital dificultaron o acceso a recursos e apoios necesarios para minimizar o impacto negativo desta situación

ACADAR ten como obxectivo a plena participación das mulleres e nenas con discapacidade en todos os ámbitos da vida, polo dereito para decidir sobre nós mesmas, ter a autonomía de decisión sobre a nosa vida, e poder ter acceso e exercicio real de todos os dereitos.

Hoxe queremos lembrar a todos os gobernos (estatal, autonómico e local) que é preciso avanzar cara a unha sociedade máis xusta, participativa e igualitaria para todas as persoas especialmente para as mulleres e nenas con discapacidade. Lograr a Igualdade entre xéneros, así como o empoderamento de nenas e mulleres con discapacidade debe ser transversal tal e como recolle no seu ODS nº 5 a Axenda 2030 e atendendo ao seu lema de que para Transformar o mundo é imprescindible e necesario contar con todas e todos e non deixar a ninguén atrás.

Desde ACADAR e CEMUDIS:

ESIXIMOS ás institucións e os poderes do Estado que nos representan, para que traballen activamente e de forma inmediata para:

  • Vacinar ás mulleres con discapacidade dando prioridade ás mulleres con discapacidade física e orgánica de maior risco. Ademais dos seus grupos de convivintes e/ou asistentes persoais sen esquecer as coidadoras da contorna familiar de persoas dependentes na súa gran maioría mulleres
  • Implantar unha coordinación sociosanitaria real e efectiva para dar unha resposta axustada ás necesidades das nenas e mulleres con discapacidade.
  • Promover un desenvolvemento rural inclusivo que impida que as nenas e mulleres  con discapacidade fuxan dos seus lugares de orixe.
  • Garantir o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación por parte das nenas e mulleres con discapacidade.
  • Garantir que as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero se adecúen ás necesidades e demandas de nenas e mulleres con discapacidade, coa dotación orzamentaria necesaria.
  • Deseñar medidas encamiñadas a garantir o acceso ao mercado laboral das mulleres con discapacidade.
  • Actualizar o baremo de discapacidade para non pechar a porta dos dereitos a nenas e mulleres con discapacidade que verdadeiramente o necesitan para avanzar cara á igualdade de oportunidades.
  • Que se regule a equiparación da incapacidade laboral e a discapacidade, a taxa de paro das mulleres con discapacidade é moito maior que a dos homes con discapacidade, e esta medida melloraría a situación.
  • Promover que todos os núcleos de poboación sexan inclusivos, seguros, accesibles,  resilientes e sostibles desde unha perspectiva de xénero.
  • Modificar a Lei de propiedade horizontal para que a accesibilidade sexa obrigatoria e que non haxa ningunha nena nin muller con discapacidade encarcerada na súa propia casa, o nivel de pobreza das mulleres con discapacidade é moi alto.
  • Lexislar a figura da asistencia persoal fundamental para desenvolver a autonomía persoal as mulleres con discapacidade e ademais nos casos que son vítimas de violencia tal e como recolle o Pacto de Estado.
  • Adoptar todas as medidas apropiadas, especialmente no sector da educación, para modificar as pautas sociais e culturais de comportamento, así como eliminar os prexuízos e as prácticas habituais ou doutra índole baseadas na idea da inferioridade ou a superioridade dun dos sexos, na atribución de papeis  estereotipados, e erradicar a concepción  aniñada e  asexuada das mulleres con discapacidade.

Por iso, hoxe desde ACADAR e a Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidad (CEMUDIS), en nome e representación de todas as organizacións que traballan activamente na defensa e protección dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade, e especialmente das nosas entidades membro (Federación de Asociaciones de Mujeres con Discapacidad en Andalucía FAMDISA, Asociación AMANIXER de Aragón, Asociación AMDAS La Fonte de Asturias, Asociación LUNA Castilla la Mancha, Asociación de Mulleres con discapacidad de Galicia ACADAR, Asociación Más Mujer Murcia, Asociación Dones no Estàndars de Cataluña, Asociación de mujeres con discapacidad de Palencia, Asociación extremeña de mujeres con discapacidad, Asociación de Mujeres en Movimiento de Valencia); reivindicamos o noso papel de servir como plataforma de visibilización, reivindicación e acción en defensa dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade promovendo a denuncia de calquera forma de violencia exercida cara as mulleres con discapacidade, co obxectivo de erradicar toda forma de discriminación cara nós, para evitar a privación de dereitos, que a día de hoxe nos seguen invisibilizado e silenciado fronte ao resto da sociedade.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021