Novas

07/03/2019 10:04:21
  • 2019

Manifesto 8 de Marzo 2019

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, atopámonos nunha xornada para reivindicar, tanto aos poderes públicos como á sociedade xeral, un sistema baseado na igualdade de trato e, desta maneira, rachar coas inxustizas sociais que as mulleres de todas as partes do mundo vivimos de primeira man.

Foron diferentes loitas na historia as que debuxaron os primeiros trazos do camiño na procura de xustiza real para as mulleres. Dende a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, lembramos a todas elas que, ao longo da historia, reivindicaron e reclamaron a igualdade de dereitos e de oportunidades, con forza e mestría.

Un día coma hoxe, queremos visibilizar que as mulleres con discapacidade somos mulleres. Mulleres que fan fronte dos fogares, avoas e nais que educan ás crianzas, mulleres ás que se lles nega unha autonomía económica e son gardiás dos coidados da nosa terra. Recordamos a todas aquelas que queren estudar, as que loitan por facer política e as que viven de primeira man a presión do ostracismo e a negación do seu espazo merecido. As barreiras arquitectónicas, as sociais, as dificultades de acceso dende as zonas máis rurais do noso territorio, son parte dos obstáculos para acadar a igualdade real de oportunidades que as mulleres con discapacidade levamos anos perseguindo.

Somos as mulleres as que, en colectividade e con forza sorora, acadamos que se nos escoite no ámbito laboral, nos fogares e na contorna social. Somos a forza política que fai que o pensamento social e as estruturas de poder muden cara un discurso de igualdade en dereitos e deberes.

Tomamos as rúas grazas a referentes que foron abrindo camiño de cara a que estas situacións históricas tornen cara a novas oportunidades. Por iso, hoxe, e todos os días, as mulleres con discapacidade posicionámonos con forza para lembrar que formamos parte desa metade da poboación que é un motor que mantén en pé a nosa terra. Exiximos xustiza en dereitos, demandamos a posta en valor do noso traballo que aínda se atopa en situación precaria, reclamamos feminismo en todos os ámbitos da vida e recordamos a necesidade dunha coeducación na que o valor sexa o coidado, os espazos seguros e unha educación sexual con perspectiva feminista para erradicar os abusos de poder nas áreas privadas e públicas. 

As mulleres con discapacidade vivimos unha situación de múltiples desigualdades que fomentan unha realidade de vulnerabilidade interseccional. Dende ACADAR alzamos a voz en compaña de todas aquelas que loitan a diario por erradicar esas barreiras estruturais e políticas. A discapacidade é unha característica máis que nos identifica e non estamos dispostas a que continúe sendo unha condición de cara a vivir a nosa vida con total liberdade.

Esta xornada reivindicativa implica a todas as esferas da vida: o ámbito laboral, o de coidados, o de consumo e o estudantil. As mulleres con discapacidade, como parte activa da sociedade, apoiaremos que o lema “se as mulleres paran, párase o mundo” se escoite en todas as esquinas das nosas comunidades. Unirémonos en sororidade tinguindo as rúas de violeta para reclamar todos os dereitos que nos pertencen:

  • Fomentar a participación de todas as persoas sen distinción de idade, de ter unha discapacidade, da identidade e orientación sexual, da etnia, da cultura e do nivel económico e político e, así, previr calquera forma de discriminación interseccional.
  • Poñer en marcha campañas dirixidas a eliminar calquera forma de discriminación especialmente dos grupos sociais con maior risco.
  • Ofrecer formación en igualdade e corresponsabilidade nos plans educativos.
  • Incorporar a perspectiva da discapacidade en todos os proxectos subvencionados con fondos públicos relacionados con violencia contra a muller.
  • Cumprimentar a posta en marcha do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
  • Dotar de liñas orzamentarias para incentivar a formación e o emprego das mulleres con discapacidade.
  • Incorporar o indicador de discapacidade e xénero en todas as estatísticas e estudos co fin de visibilizar a situación real.
  • Promover un deseño urbano con perspectiva de xénero, accesible, seguro e inclusivo.
  • Impulsar lexislación, plans e accións atendendo á perspectiva feminista e interseccional.

As institucións locais, autonómicas e estatais están obrigadas a fomentar que todas as mulleres poidan gozar dunha vida plena e autoxestionada. Por iso, continuando o legado de compañeiras que historicamente elevaron as súas voces reivindicando os dereitos laborais, sociais e políticos; neste 2019, todas as persoas que formamos parte de ACADAR, apoiamos a folga de 24 horas e os paros parciais, así como os paros de coidados e consumo. Ademais, poñemos de manifesto o férreo compromiso no traballo pola igualdade de oportunidades entre todas as persoas, facendo un chamamento de compromiso co mesmo, por parte de toda a sociedade.

Por unha sociedade máis xusta e participativa. Nin unha menos!